Thursday 02 de May de 2024

Clausurados na Pobra os actos de homenaxe a García Martí promovidos pola Asociación de Periodistas de Santiago


A Pobra do Caramiñal rememorou a época de Victoriano García Martí cun itinerario teatralizado guiado polo actor Roberto Leal, ataviado como o intelectual, e a profesora Arantxa Fuentes, especializada na vida e obra do escritor e xornalista. Aberto a todo o público, os puntos neurálxicos desta ruta lúdico-didáctica foron a praza da Constitución, a carón do consistorio; a praza Victoriano García Martí, onde tamén se procedeu cunha ofrenda floral; o exterior do Museo Valle-Inclán; e a fachada da súa antiga casa situada nos Areos. As persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer espazos relacionados coa súa traxectoria vital e profesional para ter un mellor coñecemento sobre este ilustre veciño.

Pecháronse así os actos de homenaxe promovidos pola Asociación de Periodistas de Santiago (APSC/FAPE) ao longo deste 2022 e que contou coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e o apoio doutras entidades coma o Ateneo de Santiago.

Previamente, a corporación municipal efectuou no salón de plenos unha recepción institucional á delegación vencellada á sociedade xornalística procedente de Compostela.

O compromiso da Administración local para contribuír ao recoñecemento e coñecemento deste referente cultural, fillo predilecto da localidade, foi o aspecto no que centrou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), a súa intervención. Destacou algunhas das iniciativas municipais postas en marcha coma, por exemplo, o Ciclo Victoriano García Martí, que acadará neste ano a súa cuarta edición, ou a reedición de algunhas das súas obras como Don Severo Carballo. Del alma gallega (1917) ou La tragedia del caballero de Santiago (1925). “Pero aínda quedan tarefas pendentes. Gustaríame dicir que o goberno municipal ten a intención de continuar saldando esa débeda, que a asumimos gustosamente, e que confiamos en que os froitos xa se están vendo.” E tamén tivo palabras de agradecemento para a familia Bermejo Rubio, depositaria do fondo documental, bibliográfico e fotográfico de Victoriano no Museo Valle-Inclán.

A estas cuestións tamén se referiu o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen ratificou o apoio da Administración local para a posta en valor e divulgación do legado, pois “é a mellor homenaxe que se lle pode dar a unha persoa que escribe, dar novamente a ler as súas obras.”

Doutra banda, o presidente da referida institución xornalística, Luis Menéndez, manifestou que “para os xornalistas é importante coñecer unha figura descoñecida por moitas razóns.” Enxalzou que era “moderno, progresista e cun espírito profético”, ademais de impulsar o primeiro Congreso de Xornalistas de Galicia celebrado en Santiago, en 1921.

Neste senso tamén se pronunciou Arantxa Fuentes, quen se referiu ás múltiples facetas de Victoriano e a súa loita a prol do gremio dos xornalistas, así como a defensa da liberdade de prensa e de expresión como un dos piares da democracia.

En representación da familia, Fátima Bermejo, lembrou episodios cotiás dos seus parentes e da súa propia infancia. “Victoriano é para nós o exemplo de que as fronteiras só existen no noso pensamento”, declarou.

Finalmente foron agasallados cunha visita guiada polas instalacións da institución museística.